viernes, 16 de septiembre de 2011

unha breve parada no tempo

Na vida sucede as veces que todo se detén. O que onte era movemento, cambio, tan rápido que apenas tiñas ocasión a albiscar ao teu arredor; onde as memorias dos días pasados se superpuñan formando unha masa informe, con poucos recordos permanentes; onde o día a día se fai máis curto, onde, por así dicilo, o tempo voa; todo iso esnaquízase, e tan de súpeto que apenas podes percatarte, todo se detén.

Antes apenas podías separar os recordos dos derradeiros días, namentres que agora podes distinguir como as horas pasan, lentamente, como en cada momento se fixa unha imaxe. Para describir o día xa consumido, notas que precisarías media vida.

Nese intre podes sentir dentro de ti todo o que te conecta co mundo; aqueles aos que amas, ou aqueles que un tempo estiveron e xa non están; se buscas, tamén atopas eses intres de dor, tanto os que te fixeron millor persoa, coma os que foron de balde; tamén ves dentro de ti os teus poucos ou moitos momentos de gloria. O malentendido con tal persoa faise tan cristalino coma esa decisión tan equivocada.

Mágoa que o tempo sempre a seguir a xirar, e turrará de ti antes ou despois, e quen sabe cando poderás desfrutar doutro breve descanso!! Canto máis apreciarías a quen te rodea, ou canto millores serían as decisións que tomas sobre a túa propia vida!! ... mais, mágoa, notas como o tempo esvaece outra vez nunha continua voráxine que te atrapa, de novo, doutra volta, coma sempre.